SENTINDO EN FEMININO
"Preparar para a vida facendo vivir" (Rosa e Carolina Agazzi)
"Nos primeiros anos póñense os alicerces de todo o que vai construír,
facer e aprender ao longo da vida"
Francesco Tonucci
As/os nenas/os non saben, inicialmente, poñer nome nin xestionar as emocións; é a persoa adulta a que debe acompañalas/os para poder, así, ir aprendendo e adquirindo ferramentas e recursos persoais que lle permitan manexarse de maneira autónoma na vida.
Por esta razón, desde SEF baseamos o traballo de aula na educación emocional, a través da cal buscamos o desenvolvemento no alumnado das competencias inter e instrapersoais. “As competencias son un aspecto importante da cidadanía efectiva e responsable; o seu dominio … potencia unha mellor adaptación ao contexto; e favorece un afrontamento das circunstacias da vida con maiores probabilidades de éxito” (Bisquerra e Pérez, 2007). Estes procesos están amplamente desenvolvidos polo Grupo de Investigación en Orientación Psicopedagógica (GROP).
Asemade, non podemos manternos alleas á importante carga de estereotipos e roles hexemónicos cos que o alumnado, incluso o de educación infantil, chega á escola. En palabras de Permuy e Mendez Lois (2016) “as emocións afectan a homes e mulleres de formas moi distintas, especialmente polas diferentes posibilidades de xestión que podemos permitirnos, tomando moi en consideración os roles de xénero socialmente aceptados”. Neste senso, atravesamos a educación emocional coa perspectiva de xénero a partir das achegas feitas por Ferreiro (2008), García Marín (2019), Pena Presas (2018) e coñecendo as reflexións do Seminario Permanente de Emocionalidade, Xéneros e Desenvolvemento Humano (EXDEHU) do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela; Berasategui e Permuy (2017) e Permuy e Cortés (2017).
Somos conscientes de que a convivencia é un exercicio de resolución de conflitos e nas nosa aulas traballamos sobre unha técnica alternativa de resolución dos mesmos, a mediación.
Dende SEF non pretendemos inventar nada. Valémonos de experiencias desenvolvidas por compañeiras/os, organismos, institucións... Partindo destes traballos, elaboramos unha proposta baseada no xeito que temos de ver o mundo e inspirada nas peculiaridades do noso alumnado. Esta proposta céntrase na lexitimación das emocións, no respecto ás mesmas e na facilitación da linguaxe emocional. Temos en conta que, como mestras, somos modelo e tentamos en todo momento ser coherentes e facer un uso exquisito da linguaxe.





