SENTINDO EN FEMININO
"Preparar para a vida facendo vivir" (Rosa e Carolina Agazzi)

A sociedade actual, cada vez máis igualitaria e cooperativa, demanda cambios no enfoque educativo. Agora a escola debe educar para a vida, facendo vivir.
En base a esta premisa xorde "Sentindo en Feminino" (dende agora SEF), unha iniciativa, que busca poñer a vida das persoas no centro do proceso de ensino-aprendizaxe. Xurde da necesidade de que o alumnado medre en igualdade, prevendo estereotipos, invisibilizacións e violencias, dotado das competencias emocionais necesarias para un desenvolvemento integral e equilibrado e coñecendo e valorando a propia cultura e a tradición. Unha visión que enlaza co sensorial, coa arte, coa tradición, transcendendo así o meramente racional e conectándose co afectivo pois, como di Francisco Mora e confirman os estudos de neurociencia, "só se aprende o que emociona".
Segundo isto, nas nosas aulas a este proceso chamámoslle coeducación emocional porque desenvolvemos un traballo coeducativo de adquisición de competencias emocionais e de deconstrución de estereotipos. Consideramos necesario incorporalo na vida da aula xa desde a primeira etapa, facilitando ao alumnado un amplo abano de posibilidades coas que poder experimentar, a fin de atopar a máis axeitada para cada situación.
A nosa ferramenta é a tradición oral. Serviunos e sérvenos para achegarnos de xeito motivador ao alumnado, ás familias e ao resto da comunidade. Esta tradición conéctanos coas emocións e coa muller como transmisora e creadora de cultura.
​
O resultado é unha liña de traballo na aula, que transcende o meramente académico e implica a toda a comunidade escolar. Un proxecto planificado dentro do horario semanal que busca así non perderse na transversalidade e impregna cada recanto e cada situación. Unha forma de ver a vida que nos cuestiona a nós como docentes e como persoas, dentro e fóra da aula.
​
Para saber máis:


