SENTINDO EN FEMININO
"Preparar para a vida facendo vivir" (Rosa e Carolina Agazzi)
"A literatura oral, é un modo literario esencial na vida dos nenos e nenas,
porque a palabra está impregnada de afectividade"
Palmira G. Boullosa
A tradición oral é un dos piares da cultura de cada comunidade, unha memoria colectiva necesaria para manter a identidade propia.
A muller é a continuadora e o sustento desta cultura propia; é por iso que queremos pór en valor o traballo das mulleres como transmisoras e como creadoras de texto lírico, moitas veces a partir desta tradición oral.
Os textos de tradición oral están impregnados da afectividade coa que iniciar os nenos e as nenas no mundo auditivo-literario. Por iso, o principal obxectivo de traballar estes textos na aula é o pracer e o goce estético. Isto provoca o desexo de expresarse oralmente e de manifestar as emocións.
Estas composicións, infravaloradas durante moito tempo, teñen un valor pedagóxico do que hoxe ninguén dubida e, como sinalan moitos/as autores/as, “favorecen o achegamento ao texto rimado e foron conformando un corpus de material lírico-musical que serviu e serve para o desenvolvemento de toda a educación psicomotriz, espacial, temporal e sensorial dos nenos e nenas nos seus primeiros anos".
Grandes investigadores/as, pedagogos/as e etnomusicólogos/as como Bartok, Shubart, Kodaly, Montessori, Orff ou Decroly, fixeron posible a súa valoración e a súa introdución como material nas escolas.
Nas nosas aulas, a tradición oral ten unha presenza destacada. Consideramos que favorece o desenvolvemento afectivo, da sensibilidade, da creatividade e do gusto estético. Asemade, mellora a capacidade de comprensión e expresión e é un excelente achegamento ao texto rimado, aos xogos rítmicos e á música.
Por suposto, cada docente en particular debería empregar o instrumento máis próximo aos seus intereses (a música, o teatro, o arte,...), para que este traballo de coeducación emocional con perspectiva de xénero, sexa recibido con motivación por parte do alumnado.





